Friday 03 de May de 2024

A Xunta investirá preto de 500.000 na introdución de aerotermia e na ampliación dos equipos de radioloxía do Centro de Saúde de Carballo


― Gonzalo Trénor visitou o centro, que recibirá un investimento de 290.000 euros para instalar un sistema de aerotermia dentro dun contrato da Xunta para introducir enerxías renovables nos centros de saúde

― O centro de saúde de Carballo duplicará a súa capacidade de radiodiagnóstico coa instalación dunha nova sala de raios X con dous detectores valorada en máis de 180.000 euros a través dun contrato de renovación de equipamento de radioloxía na atención primaria licitado este mes

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trénor, visitou hoxe o centro de saúde de Carballo para detallar os investimentos por case 500.000 euros que acometerá o goberno galego este ano neste centro. Na visita estivo acompañado pola directora de Atención Primaria, Concepción Blanco
Trénor salientou que a Xunta vén de licitar a instalación, por 290.000 euros, dun sistema de aerotermia no centro de saúde carballés. Únese así ás actuacións noutros 13 dentro dun contrato para a introdución de enerxías renovables en centros de saúde por importe de 1,5 millóns de euros. Este investimento xurde a través dun acordo entre o Sergas e o Inega, dependente da Consellería de Economía, Industria e Innovación, que promove, a través da Axenda Enerxética Galicia 2023, a integración de enerxías renovables en edificios públicos e facilita o seu cofinanciamento polo programa operativo FEDER Galicia 2017-2020.
Por outra banda, Trénor sinalou o investimento de 181.500 € na renovación do equipo de radioloxía do centro de saúde carballés. A substitución da actual sala de raios X, dun só detector, por unha nova sala con dous detectores permitirá duplicar a capacidade do servizo de radioloxía desta localidade. Este equipo inclúese na licitación que o Sergas publicou a semana pasada para a adquisición de novas salas de raios X dixitais en 29 centros de saúde, por un importe de 4,7 millóns de euros.
Deste xeito, a Xunta reforza o seu propósito dunha atención primaria máis resolutiva, cunha maior capacidade diagnóstica para mellorar a prevención da enfermidade e evitar, así, posibles complicacións posteriores nos pacientes; e a súa vez, suma esforzos dentro da súa actuación de fomento das tecnoloxías renovables na administración xeral da comunidade autónoma e no sector público autonómico.